En novembro de 2017 acabou a súa prolongada estadía neste noso mundo, Manuel Míguez Quelle (1911-2017), o rapaz que completara 18 cando un velorio na aldea, o de Vicenta Feijóo Saa, se tornara noticia. O Manuel morreu pasado o limiar dos 100. No mes de Nadal dese 2017 faría 106 se non fosen os achaques propios da idade os que o levaran.

Miguel Vidal Sieiro (de SANTO TOMÁS DE AMES, preto de Santiago) celebra 100 anos. 5 de maio de 1909. Vida Gallega. Biblioteca Galiciana

Interesado desde cativo pola historia, sempre me intrigou o excepcional desafío á morte das persoas centenarias. Hai casos certamente extraordinarios, como o de Margaret Ann Neve, (1792-1903) nacida no século XVIII e morta no XX, a tan só un mes de facer os 111 anos e logo de ter recibido a homenaxe en vida da mesmísima raíña Vitoria, ben máis nova ca ela e morta, no entanto, dous anos antes que a nosa Margaret.

Cando Margaret morreu xa fixera os 28, Jeanne Calment, (1875-1997) quen aínda hoxe é tida pola persoa de máis idade ao morrer, 122 anos. Ao favor de Margaret e Jeanne talvez non xogase só a súa bioloxía, algo puido contribuír ao seu éxito “vital” o feito de pertenceren a familias abastadas. Non é o caso do máis recente “rival” nisto de destronar a Calment, Don Manuel García Hernández, este mexicano garante ter 124 anos (1896?- ) e vive nunha humilde casa de Ciudad Juárez, México.

O noso País clasifícase entre os que máis persoas centenarias ten no mundo e moitos deles gozan de moi boa saúde mesmo en idades avanzadas, pero non sempre foi así. Noutros tempos, a vellez era vivida como angustia e, como nos lembra Pegerto Saavedra no seu A vida cotiá en Galicia de 1550-1850, o casar os fillos ligábase a miúdo coa necesidade de os pais recibiren cuidados se chegaban a vellos.

Coma o Manuel, Avelina Mouzo (1904-2017) quebrou barreiras nisto da idade, esta veciña da Costa da Morte tamén nos deixou en 2017, pero ela si chegou a facer anos, 113 no seu caso, só Carmela Figueiró (1883-1997) chegou a máis idade no noso País. A Avelina e maila Carmela pertenceron ao exclusivo club das supercentenarias, aquelas persoas que chegaron a 110 ou máis anos.
Avelina amosáballe respecto á vellez, xulgábaa ben triste; a súa biografía, prolongada abondo, correu parella a unha resignificación da relación da comunidade con esta idade da vida chea de paradoxos. Andamos en tempos en que este período gañou contornos propios, hai moita máis xente que chega a vella e os nosos maiores gozan de máis autonomía, pero a desarticulación dos lazos familiares e comunitarios tórnaos agora membros externos á economía produtiva, ao modus vivendi. Habitan residencias ou pasan tempos en centros de día, articulando relacións cos seus pares, mais perdéndoas con outros membros da extinta? comunidade. É unha idade da vida á parte, malia todos os aloumiños virtuais que lles poidamos tributar.

Mulleres falando en Laxe 1927. Foto Vidal. Instantánea compartida no grupo de Facebook OLLAR GALICIA. FOTOGRAFÍA ANTIGA

En troca, na Galiza de non hai tanto tempo a certeza de quen chegaba a vello pasaba por asegurar, como xa dixemos, que os fillos os tivesen a coidado; ligando esa mantenza moitas veces á reprodución da Casa, entendida esta, moitas veces, como a célula básica en que cohabitaban os vellos e os seus herdeiros. Así, esta práctica hereditaria coñecida como mellora longa, moi frecuente por terras de Lugo, pretendía preservar a unidade do patrimonio da casa coa mellora na primoxenitura e, entre tanto, os petrucios garantían seren coidados na vellez.

No entanto, relación con esta idade de vida non só se establecía desde a estratexia hereditaria; a mantenza da que falamos no parágrafo anterior causaba tensións moitas veces articuladas a través de todo tipo de repertorios, así, o antropólogo Rafa Quintía vén de publicar un artigo sobre o mitoloxema  do senicidio, isto é, as lendas ligadas ao abandono das persoas de idade no monte e que adoitaban finalizar cunha ensinanza e co regreso do ancián ou anciá ao núcleo familiar. A comunidade parece sancionar esa tentativa de se desprender do coidado do patrón oupatroa.

Os vellos podían ter garantido, cando menos no plano moral (e na estratexia familiar), o feito de se sentiren coidados; con todo, á súa idade había cousas que xa non lles eran reservadas e que acababan converténdose en albo de chocalladas, era o caso dos matrimonios entre persoas de moita idade ou de moi desigual idade, pois xa se sabe os vellos non deben de namorarse.

Si te ha gustado, comparte...
pt_PTPortuguês
Este sitio web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón Aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos seus datos para estes fins.   
Privacidad