Son André Taboada Casteleiro. Nacín na chaira da Limia, Galicia. Crieime, co braseiro aos pés, imaxinando mapas doutras terras. Quixen ser topógrafo antes de darme de conta de que o que quería era ser xeógrafo. Sempre me apaixonou a xeografía, a historia, a antropoloxía, as linguas, non necesariamente nesa orde; aos mapas, engadín as árbores xenealóxicas, meu avó, que me falou de volcáns imaxinarios nos que el realmente cría, e a lingua, a lingua nunha terra de fronteira, as viaxes a Tourém, Portugal, a volta co café pagado e escudos aínda nos beizos.
Fixen o bacharelato en Xinzo e a miña carreira en Santiago. Licencieime en Historia, fixen un Máster en Historia Contemporánea e o Curso Avanzado de Portugués, a lingua que dende neno cría ser a mesma que o galego, xunteinas e fixen delas a miña profesión. Son profesional da tradución dende 2009. Xa pasaron por min millóns de palabras, subtitulei, revisei, traducín, transcribín ou posteditei. Mergullei entre segmentos, memorias de tradución, catálogos, guías, bases terminolóxicas, palabras orixe, palabras en destino…
Á práctica lingüística, engadín a cultural, dende o traballo no proxecto Nomes e Voces (2008) de recuperación da memoria histórica ata a edición e dixitalización das coleccións da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura de Galicia, a través da colaboración en diferentes publicacións, Lethes, Caleidoscópica, etc., ou a xestión do Museo Etnográfico da Limia, en Vilar de Santos.
Resultado desta última aposta son dous dos meus traballos máis recentes, a investigación realizada sobre as orixes da Feira de San Marcos de Noia, para Vilasó Comunicación, e a investigación sobre a delimitación histórica da CMVMC de Balouta e Fontecoba para Mulime.